Xornada sobre Información e sufrimento humano Informa_Dor

Do ao

Horario: Martes 3 de outubro, de 10:00 a 13:00 horas

Lugar: Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Avenida de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela)

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizan a Xornada Información e Sufrimento Humano Informa_Dor, que inclúe a presentación das Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano e unha mesa redonda con Rosa María Calaf e José Luis Rodríguez-Arias Palomo. O acto vai celebrarse o vindeiro martes 3 de outubro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela a partir das 10:00 horas.

A xornada que se abrirá ás 10:00 coa inauguración a cargo de María Rosa Álvarez, Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e Francisco González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, vai continuar coa presentación dos documentos elaborados polo grupo de traballo conxunto de ambos os dous colexios. Esta colaboración quere constituír unha chamada de atención sobre as eivas que detectamos con frecuencia na elaboración de noticias, especialmente nas informacións relacionadas co sufrimento humano.

Ademais, a partir das 11:30 vai ter lugar a mesa redonda Información e sufrimento humano, coa participación da xornalista Rosa María Calaf e o psicólogo José Luis Rodríguez-Arias Palomo. A mesa estará moderada por Xabier Macias Virgós, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e Rocio Lizcano González, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Esta actividade forma parte do traballo conxunto iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ambas as dúas institucións unen esforzos nunha iniciativa inspirada polo compromiso social, convencidos de que o compromiso ético das nosas intervencións profesionais é básico, especialmente cando tratamos con feitos ou procesos que colocan os seus e as súas protagonistas en situación de vulnerabilidade.

Para asistir ao acto, é necesaria a inscrición a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. No documento anexo pode consultarse o programa completo.