'El País' elimina os anuncios de contactos

Anuncios de prostitución nun xornal impreso de ámbito estatal (Foto: eldiario.es (CC BY-SA))

El País comunicou que deixa de publicar anuncios de prostitución nas súas páxinas, reabrindo así unha reclamación, a da supresión deste tipo de publicidade, que foi levada en numerosas ocasións ao Congreso pero sempre acabou quedando en mans da autorregulación dos medios.

O xornal El País anunciou este venres 21 de xullo a súa decisión de non publicar anuncios de contactos, efectiva desde o pasado día 15. Segundo o xornal, este paso está motivado "por un profundo debate interno, no que tiveron un gran peso as opinións dos nosos lectores, quen a través das Cartas ao director, a figura do Defensor do Lector e os comentarios en noticias e redes sociales, transmitiron repetidamente o seu rexeitamento a este tipo de anuncios".

A eliminación dos anuncios de prostitución, que xeran numerosos ingresos a moitos medios de comunicación, é un debate que xa vén de vello. Moitas organizacións feministas e numerosas asociacións de xornalistas téñense posicionado a favor da supresión deste tipo de publicidade, e o propio Consello de Estado apoiou en 2011 prohibir ou "limitar severamente os anuncios de contactos. Con todo, ningunha das iniciativas políticas realizadas nas últimas lexislaturas chegou a dar resultados neste sentido, optando finalmente pola autorregulación

Agora, El País decide eliminar este tipo de publicidade, sumándose así a outros xornais do Estado que xa tomaran esa decisión, como 20 Minutos, Qué!, La Gaceta, ADN (ningún deles xa publicado en papel), La Razón e El Punt Avui

No contexto galego, o ano pasado foi rexeitada unha proposta para suspender as axudas económicas aos medios galegos ou comercializados en Galicia que incluíran anuncios de prostitución, Ademais, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publicou no ano 2010 o seu informe A representación da prostitución nos medios de comunicación galegos, no que se incluía unha pormenorizada análise cuantitativa e cualitativa dos anuncios de contactos nos medios galegos. 

CPXG