'Informativos Fin de Semana' da TVG e 'El Progreso', premios Cegasal de xornalismo

O vicedecano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, e José Antonio Vázquez Freire, presidente de Cegasal

O diario El Progreso de Lugo e os Informativos Fin de Semana da TVG foron elixidos ganadores da segunda edición do Premio Cegasal de Xornalismo á Mellor Información de Economía Social nas dúas categorías de prensa escrita/dixitais e televisión/radio. Os traballos presentados por Sabela Corbelle (El Progreso) e Jéssica Pintor e Rubén Mielgo (TVG) obtiveron o galardón convocado pola Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O xurado tivo en conta á hora de emitir a súa veredicto a habilidade destes xornalistas para dar visibilidade ás persoas con discapacidade, mostrando as dificultades e retos cos que se enfrontan á hora de optaren ao mercado laboral, sen caer en paternalismos nin vitimismos.  
 
Así mesmo, contribuíron cos seus traballos a explicar o labor que desenvolven os centros especiais de emprego de iniciativa social sen ánimo de lucro que conforman Cegasal.
 
A reportaxe realizada por Sabela Corbelle, "Veinte años creando valor humano", publicada no diario El Progreso de Lugo o pasado 22 de abril de 2018, pon o foco nun dos centros de Cegasal, Grafinco, e dá voz a varios dos seus traballadores con discapacidade, que explican o que supón para eles "dispór dun emprego estable que lles permita ser un máis na sociedade". Neste sentido, o xurado valorou a súa capacidade de humanizar a actualidade para dotar de normalidade tales empregos.
 
Pola súa banda, Jéssica Pintor e Rubén Mielgo, redactora e cámara dos Informativos Fin de Semana da TVG, presentaron un traballo que afondaba nos importantes cambios que introduce a nova Lei de Contratación Pública para as persoas con discapacidade en idade laboral. Para iso, personalizaron a reportaxe co testemuño de Manuel Ríos, traballador de Trameve, que explicou o seu día a día e que supuxo para el atopar un traballo no que sentirse realizado. Ese proceso de normalización quedou acentuado cando a propia xornalista fixo visible a súa "discapacidade", destacando as "diferentes capacidades" de cada persoa: "En Galicia, preto dunhas 232.000 persoas temos un certificado de discapacidade superior ao 33%. Coma min e outros moitos, Manuel Ríos leva unha vida totalmente autónoma, independente e conduce un coche...".
 
A gala de entrega dos  premios terá lugar o próximo día 28 de xuño no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, e contará coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades, así como representantes do tecido empresarial galego e dos centros especiais de emprego que conforman Cegasal.
 
CEGASAL