143 anos de xornalismo en galego

O sete de febreiro de 1876 nacía O Tío Marcos d'A Portela, o primeiro xornal integramente en galego. En conmemoración desta efeméride a Asociación de Medios en Galego celebra o Día dos Medios en Galego e organiza a Gala dos Medios en Galego, que tivo lugar o pasado sábado en Pontevedra e na que se reivindicou unha lei de publicidade institucional.

Un sete de febreiro como hoxe, hai 143 anos, saía á luz o primeiro número de O Tío Marcos d'A Portela, o primeiro xornal redactado integramente en lingua galega. Esta publicación, impulsada por Valentín Lamas Carvajal, primeiro quincenal e logo semanal, chegou a vender até 4.000 exemplares, e estaría na rúa en dúas etapas, de 1876 a 1880 e de 1883 ata 1889. Con ela, iniciábase o xornalismo en galego que, con maior ou menor fortaleza, ten sobrevivido até hoxe. 

Co gallo desta efeméride, a Asociación de Medios en Galego impulsaba o ano pasado a celebración do Día dos Medios en Galego, co obxectivo de "visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. A asociación, que reúne xa a máis de sesenta medios, celebrou a II Gala dos Medios en Galego o pasado sábado 2 en Pontevedra. Nela, ademais de reivindicar o uso do idioma para o xornalismo, reclamouse unha lei de publicidade institucional que permita "mitigar a clara desvantaxe na que nos atopamos e a discriminación que sufrimos con respecto aos grandes da comunicación en Galiza".

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia saúda a celebración dos 143 anos do xornalismo en galego e ratifica o seu compromiso coa lingua, que se ten mantido ao longo de todos estes anos. De igual modo, e como xa manifestou noutras ocasións, considera preciso que todas as administracións regulen o uso da publicidade institucional conforme a criterios obxectivos e transparentes, que garantan un uso racional do diñeiro público e a conformación dun espazo mediático plural.

CPXG