Novas
-
-
RSF lembra na súa nova campaña que "Contra a desinformación, están os feitos"
Reporteiros Sen Fronteiras presentou a súa campaña de fin de ano para o 2023. Co título "Contra a desinformación, están os feitos", a organización internacional denuncia, con exemplos da invasión de Ucraína, a difusión de propaganda nas redes sociais, e defende o traballo das e dos xornalistas para neutralizar a desinformación.
-
Os xornalistas gazatís piden axuda para seguir a informar
O Sindicato de Xornalistas Palestinos solicita axuda económica, a través do Fondo Internacional de Seguridade da FIP, para garantir que as e os comunicadores que están a cubrir o conflito palestino-israelí en Gaza poidan seguir a realizar o seu traballo. A prioridade actual é conseguir tendas de campaña e material para poder durmir.
-
Celébrase o Día Mundial da Televisión
O 21 de novembro é a data marcada polas Nacións Unidas para a celebración do Día Mundial da Televisión, que quere promover o intercambio de programación sobre temáticas sociais, culturais e de desenvolvemento. Este ano, a organización salienta a resistencia do medio televisivo como método de acceso ao audiovisual e a súa transformación para ofrecer distintos contidos multimedia e interactivos.
-
Máis do 70% da poboación considérase informada segundo o CIS, coa TV como medio máis usado
O avance de resultados Estudo sobre Audiencias de Medios de Comunicación Social do CIS reflicte que o 71,6% dos españois se declaran como bastante ou moi informados, escollendo para facelo principalmente a televisión, seguida da prensa, as redes sociais e a radio. Os medios tradicionais, porén xeran bastante ou moita confianza a máis dun 80% da poboación, mentres que máis do 70% desconfían da información recibida polas redes.
-
A Carta de París estabelece os principios éticos para o uso da IA no xornalismo
O Foro de París sobre a Paz acolleu a presentación da Carta de París, un documento realizado a instancias de RSF e apoiado por outras 16 organizacións internacionais que estabelece un decálogo de normas esenciais para o uso da intelixencia artificial nos medios. Entre os principios recollidos atópanse a deontoloxía como guía, o criterio humano como eixo das decisións editoriais, a necesaria diferenciación entre contidos auténticos e xerados artificialmente ou a implicación na gobernanza mundial da intelixencia artificial.
-
Aberto até o mércores 22 o prazo para inscribirse no webinar sobre xornalismo de datos con Miguel Rodríguez Fernández
Ata o mércores 22 está aberto o prazo para apuntarse ao webinar Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Miguel Rodríguez Fernández, que se realizará o sábado 25 de novembro, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online.
-
Celébrase o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas
Con motivo da celebración do Día para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas este xoves 2 de novembro, a Organización das Nacións Unidas lembra que persiste moitos ataques sen resolver e que ademais se desenvolveron novos tipos de ameazas aos profesionais da comunicación, polo que pide compromiso para seguir a avanzar na loita contra a impunidade. A Federación Internacional de Xornalistas reclama leis claras e aplicábeis para a protección das e dos xornalistas e insiste na necesidade dunha convención internacional vinculante sobre esta materia.
-
O Colexio de Xornalistas abre unha nova canle informativa en WhatsApp
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de sumar unha canle informativa en WhatsApp ás súas vías de comunicación coas colexiadas e colexiados e con toda a profesión e a sociedade galega. Deste xeito, desde a aplicación de mensaxaría poderá seguirse tamén toda a actualidade relativa á actividade do órgano de representación das e dos xornalistas galegos.
-
NRede, a iniciativa do Colexio de Xornalistas que pon en valor a profesión na rede e loita contra a desinformación
Continúa aberta a admisión no rexistro NRede, posto en marcha polo Colexio de Xornalistas para garantir o traballo xornalístico das cabeceiras dixitais e facilitar a súa identificación, recoñecemento e acceso a acreditacións e axudas públicas. A inscrición, á que xa se sumaron quince medios dixitais galegos, é gratuíta para colexiados e colexiadas.