A familia de José Couso esixe ó Goberno firmeza ante a falta de cooperación de EEUU

A familia de José Couso, o cámara de Telecinco asasinado en Bagdade en abril de 2003, reuniuse co ministro de Xustiza, Juan Fernando López Aguilar, para coñecer a posición do Goberno ante a sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Audiencia Nacional a seguir investigando o caso.
Segundo informaron familiares de Couso a elmundo.es, López Aguilar aseguroulles que a política do Executivo é observar todas as leis e, sobre todo, a legalidade internacional, polo que tramitará a orde de busca e captura contra os tres soldados estadounidenses implicados.

A familia do cámara falecido esixe un aceno de firmeza por parte do Goberno que acompañe ás accións xudiciais que se están a levar a cabo a escala española e europea.

Por iso, os seus representantes entregaron ó titular de Xustiza un escrito no que lle fan unha serie de peticións, entre elas a de convocar ó embaixador estadounidense en Madrid, Eduardo Aguirre, se Washington continúa incumprindo os acordos de cooperación xudicial.

A familia manterá proximamente novos encontros co Goberno para seguir abordando o tema.

Por outro lado, o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz rexeitou este luns o embargo de bens a EEUU por un valor dun millón de dólares que solicitaba o avogado da viúva de Couso.

Ademais, o maxistrado pediu á Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil e a Interpol que pescuden os datos persoais dos tres militares, tras non ter recibido ditos datos da embaixada.

MADRID
EL MUNDO
Raquel Quílez