A PDLI esixe ao ministro do Interior que cesen as ameazas policiais a xornalistas

A presidenta da Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI), Virginia Pérez Alonso, dirixiuse ao ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido para transmitirlle o súa "queixa máis firme ante repetidas actuacións policiais contra o exercicio da liberdade de información e ante as trabas ao labor dos xornalistas no exercicio da súa función".

No seu escrito, a PDLI traslada ao ministro o último episodio coñecido: a denuncia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) dos impedimentos que a Policía Nacional puxo á prensa para realizar o seu traballo durante o desaloxo dun Centro Social Ocupado o pasado sábado en Santiago.

"Nos dous últimos anos, as sancións e ameazas a informadores por parte da Policía producíronse de xeito constante", lembran.

"Desde a Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI) vimos denunciando que estas sancións contra a liberdade de información responden a un patrón: a súa 'camuflaxe' baixo infraccións xenéricas como 'faltas de respecto e consideración' a membros das Forzas e Corpos de Seguridade ou 'resistencia á autoridade'", sinala a súa presidenta na carta remitida a Zoido.

A PDLI salienta que os propios datos dese ministerio revelan que as multas por estes dous motivos aumentaron significativamente en 2016 respecto ao ano anterior, alcanzando un total de 31.591 sancións: unha cifra que consideran "desproporcionada coa situación real da seguridade cidadá en España".

"Esta situación na PDLI cualificámola de 'censura camuflada'", remacha Pérez Alonso.

Tras facer un repaso por algúns casos concretos denunciados pola Plataforma –para ilustrar "o patrón de conduta policial que lle reprochamos", indican– a PDLI lembra que en todos eles a Defensora del Pueblo, a instancias da PDLI, advertiu a Interior que "a Policía está a obviar a circunstancia de que a persoa a quen se vai a sancionar pode estar exercendo un dereito fundamental, como informar ou participar nunha protesta, o que converte gran parte destas multas en inconstitucionais", sinalan.

E engaden: "Sr. Ministro, se a función democrática dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado é garantir o desfrute de liberdades fundamentais, resulta enormemente grave, tal como a Defensora del Pueblo considera acreditado, que as súas actuacións teñan a finalidade contraria: a de impedir, obstaculizar e ameazar o exercicio dun dereito básico e esencial como é a liberdade de información".

Virginia Pérez Alonso tamén recolle na súa carta a protesta da Plataforma "ante a impunidade de varios axentes da UIP que golpearon a tres reporteiros, identificados como tales, trala protesta de Xaque ao Rei o 29 de marzo de 2014 e no exercicio do seu labor profesional".

A PDLI pecha o escrito insistindo en que "o dereito á información é un alicerce esencial da democracia e debe impedirse calquera obstáculo para que feitos relevantes, incluíndo as actuacións policiais, cheguen ao coñecemento da cidadanía".

Para rematar, a PDLI insta ao ministro "a que cese, de xeito inmediato, este tipo de actuacións, e a garantir, seguindo o mandato constitucional ao que está suxeito, que o exercicio do dereito fundamental á liberdade de información, alicerce básico da democracia, deixe de estar ameazado por actuacións policiais de calquera tipo".

PDLI