A PDLI presenta o 'Decálogo Xornalismo Responsábel'
A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información e varios medios presentan na I Xornada sobre xornalismo responsábel, innovación e liberdade de información un decálogo con compromisos para garantir o xornalismo responsable, a transparencia e a liberdade de información na era da Internet.
A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI), xunto cos medios 20 Minutos, eldiario.es, Público, Voz Pópuli e a Fundación Civio presentou o pasado xoves 14 o Decálogo Xornalismo Responsábel, con propostas sobre xornalismo responsable, transparencia e liberdade de información, que pretende situar os cidadáns no centro da actividade informativa. O decálogo foi presentado ao remate da I Xornada sobre xornalismo responsábel, innovación e liberdade de información.
O decálogo reivindica o papel da información como peza básica do sistema democrático e recoñece "o dereito de todos os cidadáns a informar e informarse por calquera medio ou canle", mais advírtese tamén de que "a información non é unha simple materia prima para o negocio" e que o labor dos medios "debe guiarse por principios éticos e de respecto pola verdade". Tamén reivindica a transparencia, o dereito de acceso e a rendición de contas como "parte inseparábel" da liberdade de información e inclúe unha reivindicación sobre o "dereito ao esquecemento".
A PDLI e o resto dos promotores do decálogo convidan a outros medios, organizacións e profesionais a sumárense ao documento de compromisos, e para iso teñen habilitado un formulario de sinatura na rede.
A I Xornada sobre xornalismo responsábel, innovación e liberdade de información, realizada co obxectivo de abrir un debate público “sobre o papel actual do xornalismo na sociedade, e sobre como concasar a innovación xornalística a través de Internet coa reivindicación de un escenario de transparencia e liberdade"” contou coa participación de presitixiosos nomes do xornalismo como Giannina Segnini, da Universidade de Columbia, Eva Belmonte, de Civio, ou Alejandro Laso, de El Confidencial.
CPXG