A segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’, iniciativa do CPXG e a Obra Social 'la Caixa', comeza en Vilagarcía

Obradoiro da primeira edición de Xornalismo na Escola

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, poñen en marcha, co primeiro taller en Vilagarcía, unha nova edición de ‘Xornalismo na Escola’, unha iniciativa co fin de impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

O IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía acolle este xoves, 2 de marzo, o primeiro obradoiro dun total de 90 que pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Alvarez Gayo, Ángeles Fernández e Víctor Sariego son os licenciados e licenciadas en xornalismo –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartirán os talleres.

Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.


Este proxecto naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

 A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.


CPXG