A TIC de Lugo apoia a Asoporcel na recuperación do porco celta con audiovisuais sobre o seu labor
Bolseiros da TIC participarán na realización de vídeos que difundirán as actividades desenvolvidas para promover a crianza e o consumo do porco celta.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo elaborará traballos audiovisuais para contribuír á difusión das actividades que desenvolve a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) na recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona.
O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente de Asoporcel, José Barreira Alonso, asinaron un convenio de colaboración que tamén prevé a formación práctica de bolseiros da Escola de Imaxe e Son da TIC coa realización destes vídeos.
Santos destacou o labor que está a desenvolver Asoporcel desde que naceu hai case vinte anos. “En 1999, a raza de porco celta estaba case desaparecida. Grazas ao traballo desta asociación, o censo no número de exemplares foi recuperándose. Pero aínda queda moito treito por andar para que deixe de considerarse como unha raza en perigo de extinción. Por iso, desde a TIC, queremos achegar a nosa colaboración para dar a maior difusión posible a este labor”.
Riqueza económica e prevención de lumes forestais
O patrón da TIC dixo que “o traballo de Asoporcel non vai encamiñado só á preservación do patrimonio xenético dunha das nosas razas autóctonas. A recuperación do porco celta crea riqueza económica e fixa poboación no rural. Pero tamén hai algo moi importante que quero destacar: a súa crianza ao aire libre contribúe á prevención de lumes forestais, un tema de triste actualidade en Galicia”.
A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta naceu en 1999 como entidade sen ánimo de lucro. Dende entón, traballa nos obxectivos que se fixou nese momento: a integración de todos os criadores para representar, defender e promocionar os seus intereses económicos, sociais, culturais e profesionais; o control xenealóxico dos animais desta raza; a promoción, difusión e divulgación do porco celta entre os distintos públicos; e a realización de estudos para definir criterios zootécnicos.
FUNDACIÓN TIC