A TIC de Lugo colabora coa USC no Campus de Verán Xuvenciencia no que participan 150 preuniversitarios
Profesionais e bolseiros da TIC gravaron e editaron un vídeo resume de todas as actividades que se proxectará no acto de clausura e impartiron un obradoiro sobre contidos para YouTube.
A Fundación Tic da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa USC no Campus de Verán Xuvenciencia, que se desenvolve en Lugo do 2 ao 6 de xuño, e no que participan 150 alumnos preuniversitarios de España e Portugal. Un profesor da Escola de Imaxe e Son impartiu o obradoiro “Como elaborar vídeos para YouTube” e técnicos da TIC prestaron apoio ao alumando durante a edición dos vídeos sobre os seus proxectos científicos. Ademais, durante toda a semana, un equipo de profesionais e bolseiros gravou todas as actividades para o vídeo resume que se proxectará este venres durante o acto de clausura.
Un obradoiro moi valorado entre o alumnado
O obradoiro de contidos para YouTube, que impartiu a TIC nas instalacións da EIS, forma parte, por segundo ano consecutivo, da programación de Xuvenciencia. Na edición do ano pasado, esta actividade tivo moi boa valoración nas enquisas. De feito, o alumnado participante solicitou que se repetise. Ademais de ensinarlles como subir vídeos a esta plataforma, creouse unha canle propia para subir un vídeo que gravaron e editaron durante o obradoiro.
Por outra banda, técnicos da TIC prestaron apoio técnico e asesoramento aos alumnos de Xuvenciencia na edición dos audiovisuais que elaborou cada grupo, cos que presentarán os seus proxectos e participarán no concurso de vídeos que convoca a USC. A achega da Fundación TIC complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos mais salientables.
Unha iniciativa que vai a máis
O interese por este campus de verán vai en aumento cada ano, o que se reflicte no incremento de solicitudes. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer aos alumnos preuniversitarios a ciencia e a tecnoloxía a través da súa aplicación práctica. Tamén se pretende fomentar o interese do alumnado polas titulacións científicas, técnicas e sociais, facilitar información para mostrarlles as titulacións e investigación que se fai no Campus Terra de Lugo.
FUNDACIÓN TIC