A TIC de Lugo grava un documental sobre a ancestral Festa da Queima das Fachas que se celebra cada ano en Taboada
O audiovisual é testemuña de todo o proceso de elaboración, instalación e queima das fachas no castro de Castelo, unha festa que revive un ritual que os expertos vinculan coa cultura castrexa. Bolseiros e técnicos da Fundación TIC recolleron nas últimas semanas as imaxes para a realización deste documental que axudará na difusión dunha das festas máis antigas de Galicia.
A TIC da Deputación de Lugo está a elaborar un documental adicado á Festa da Queima das Fachas que se celebra cada mes de setembro na parroquia de Castelo, no concello de Taboada. A realización deste traballo audiovisual para a difusión dunha das festas máis antigas de Galicia, é consecuencia dun convenio de colaboración da Fundación TIC coa Asociación Cultural As Fachas.
O traballo audiovisual reflicte os principais momentos desta festa de orixe remoto, que reproduce cada ano un rito ancestral relacionado, segundo os estudosos, coa cultura castrexa. Para realizar o documental, bolseiros e profesionais da Fundación TIC gravaron todo o proceso que remata na noite do 7 ao 8 de setembro coa queima das fachas no castro de Castelo.
Ata chegar a ese momento, os veciños de Castelo levan a cabo unha serie de preparativos que comezan nos montes da zona coa recollida dos agucios, os milleiros de vimbios que se empregan para confeccionar as fachas. O proceso continúa coa elaboración das fachas, que miden arredor de nove metros de alto, así como o seu posterior traslado dende as casas ata o castro, situado nun outeiro da parroquia. Una vez alí, os veciños chantan na terra as fachas formando un gran círculo ata que, na medianoite, lles prenden lume.
Unha festa das máis antigas de Galicia
A Queima das Fachas é unha singular festa de grande interese etnográfico, que ten a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2008. A súa orixe non está datada, pero os máis vellos da parroquia saben que xa a facían os avós dos seus avós e crese que ten máis de 2.000 anos de antigüidade. Para os estudosos, o feito de que se celebre nun castro, o uso do lume que servía para alumear e tamén de medio de comunicación con outros poboados castrexos, e a disposición das fachas formando un círculo son propios de ritos máxicos e relixiosos de tempos ancestrais.
A TIC coa cultura e as festas tradicionais
A realización do documental é froito dun acordo coa Asociación Cultural As Fachas que se engade aos 170 convenios que a TIC mantén con ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais e entidades deportivas para difundir o seu labor na provincia mediante a realización de traballos audiovisuais, co fin de completar a formación teórica dos alumnos con prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.
O documental sobre a Queima das Fachas súmase a outros feitos pola TIC, entre os que figuran os adicados ao proceso da sementa, recollida e etiquetado da faba de Lourenzá; a vida e obra do poeta de Meira, Avelino Díaz, ou o Folión dos Carros de Chantada.
FUNDACIÓN TIC