A TIC realiza máis de 1.000 actividades en 2017 a prol do ensino de calidade, a promoción da provincia e o labor social

Xuntanza da Fundación TIC (Foto: Fundación TIC)

A Fundación TIC de Lugo mantivo a gratuidade da matrícula da EIS, colaborou con 177 asociacións, tivo máis de 1.500 usuarios no InLugo e potenciou a Lugo Film Commission.

A Fundación TIC da Deputación de Lugo realizou en 2017 máis de 1.000 actividades dentro das súas liñas de actuación: ensino de calidade, apoio ao tecido asociativo, benestar dos maiores, cooperación cos Concellos e promoción da provincia desde o punto de vista cultural, turístico económico e cinematográfico. Así se recolle na Memoria aprobada polo Padroado presidido polo Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos.

A TIC apostou, por décimo ano consecutivo, pola matrícula gratuíta na Escola de Imaxe e Son para garantir a igualdade de oportunidades entre os mozos e mozas lucenses no acceso a un ensino de calidade. A formación da EIS incidiu en 2017 nas prácticas en escenarios en reais como un dos seus sinais de identidade. Entre outras, a elaboración do último vídeoclip de Lucía Pérez, o promocional Lembranzas ou a organización de En camiño contra a violencia machista, no que participaron centos de lucenses.

Apoio ás asociacións e aos Concellos

Tamén reforzou o seu labor de apoio ao tecido asociativo cun incremento no número de convenios de colaboración. Ao rematar o ano, había 177 acordos con organizacións de diversa índole. Elaboráronse audiovisuais relativos, por exemplo, ás enfermidades mentais, cancro, esclerose múltiple ou diabetes. Entre os documentais, Poeta sen adxectivos, Arcadio López Casanova; A Danza da Cervela do Incio; O Folión de Carros de Chantada; ou Torneiros da Madeira en Xermade.

Desde o punto de vista cultural, turístico e económico destaca a cooperación cos Concellos coa difusión de actividades que organizan ou apoian, como as festas da Castaña do Courel, do Caldo de Ósos de Taboada ou da Troita da Pontenova. Tamén contribuíu á difusión de iniciativas vinculadas a nosa historia e tradicións, entre outras, Friulo de Friol, as feiras medievais de Mondoñedo, Alfoz e Monforte, a Queima das Fachas e o Oso de Salcedo. Ademais, a TIC prestou un servizo público aos cidadáns coa emisión en directo de todas as sesións plenarias da Corporación Provincial en 2017.

Novas tecnoloxías a prol da calidade de vida dos maiores

O labor que desenvolve a TIC na alfabetización dixital dos maiores reflectiuse na alta demanda das actividades que impartiu o InLugo. De feito, en 2017 o número de solicitudes duplicou ao de prazas: 3.500 preinscricións para 1.575 prazas de 90 cursos. Ademais desenvolvéronse outras actividades, como o banco de recordos Memoria Dixital, ao que se incorporaron vídeos e fotos antigas. Tamén acadaron grande éxito a Semana Tecnolóxica, o taller de radio e o Nadal na TIC.

Lugo, destino cinematrográfico

A Lugo Film Commission consolidouse como oficina de apoio ás produtoras de películas de gran proxección como A sombra da lei e Aquilo que arde. Tamén axudou a outras producións máis modestas que serven de vehículo á creatividade das novas promesas do audiovisual lucense, como a curtametraxe Hermetismos, dos alumnos da EIS. Ademais, en 2017 destaca o inicio da colaboración coa Galicia Film Office, que solicitou o apoio da TIC a través da achega de vídeos e fotografías dos 67 Consellos e información de todos os aspectos relacionados coa loxística.

FUNDACIÓN TIC