Alumnos de A Coruña participarán mañá nos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola’

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Urbano Lugris o pasado 4 de abril

O Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” achegan o funcionamento dos medios de comunicación a escolares dos IES Eusebio da Guarda e Urbano Lugrís.

A segunda edición de “Xornalismo na Escola”, un programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, chegará mañá, día 20 de abril, a dous centros escolares da cidade de A Coruña. 

Case medio cento de alumnos dos IES Eusebio da Guarda e Urbano Lugrís terán a oportunidade de participar este mércores nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares  coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuir a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades  que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

As sesións programadas para este mércores nos dous centros escolares de A Coruña comezarán ás 9:35 horas no IES Urbano Lugrís, onde a xornalista Águeda Penedo impartirá un dos obradoiros no que participarán 13 alumnos de 16 anos que cursan FP Básica. O de mañá será o segundo obradoiro que ten lugar no Urbano Lugrís, que xa acolleu outra sesión o pasado día 4 de abril. 

O IES Eusebio da Guarda será escenario doutro obradoiro a partir das 12.30 da mañá. Neste caso, será a xornalista Elvira Álvarez quen se ocupe da actividade que contará coa participación de 30 alumnos de 3º da ESO. No mesmo centro escolar celebrarase un segundo obradoiro o vindeiro día 4 de maio.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Nove xornalistas -todos eles con ampla traxectoria profesional- son as persoas encargadas de levar a cabo os talleres que se están a celebrar en distintos concellos  de Galicia.

A programación desta segunda edición de Xornalismo na Escola comezou o pasado mes de marzo e prolongarase ata o mes de maio. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os profesionais que están a impartir os obradoiros en centros escolares de  A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía, entre outras localidades. 

O proxecto “Xornalismo na Escola”, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é froito dun acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´La Caixa`. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta mesma iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares nos que se veñen celebrando obradoiros de semellantes características.

CPXG