Ángel Arnedo Gil asume a Dirección Editorial de Vocento e Juan Carlos Martínez será o director de El Correo

O xornalista Ángel Arnedo Gil, director do diario El Correo durante os últimos nove anos, asume a partir de onte a Dirección Xeral Editorial de Vocento, mentres que Juan Carlos Martínez Gauna pasará a ocupar o posto de novo director do periódico, segundo anunciou onte o grupo Vocento. Desde a Dirección Xeral Editorial de Vocento, Arnedo "liderará a optimización dos recursos humanos e técnicos de todos os medios do grupo co obxectivo de mellorar as sinerxias e, en consecuencia, dos seus produtos informativos".
Segundo Vocento, este rioxano de 61 anos "afronta neste novo posto o reto de potenciar a coordinación dos trece diarios de Vocento e do resto de medios e a habilitación dunha redacción central que facilite informacións, opinións e análise de calidade, liberando recursos humanos e técnicos nas redaccións locais para potenciar o valor engadido de todos eles".

Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Navarra, Arnedo incorporouse a El Correo en 1970 e en xaneiro de 1998 substituíu a José Antonio Zarzalejos na dirección.

Un ano máis tarde puxo en marcha unha profunda remodelación do periódico, tanto en contidos e deseño como na organización da redacción, co propósito de achegar o diario ós lectores e preparalo ante os novos retos informativos.

Novo director do periódico

Así mesmo, o Consello de Administración de El Correo designou a Juan Carlos Martínez Gauna (Vitoria, 1957) novo director do periódico, no que ocupaba o posto de director adxunto desde xuño do 2006.

No acto de remuda celebrado onte, o novo director de El Correo, o noveno na historia do diario desde 1910, subliñou a súa aposta por un xornalismo cidadán, "porque o periódico é dos lectores", e defendeu os diarios "honestos e independentes", dos que, dixo, "El Correo é un exemplo".

Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense, iniciou a súa carreira profesional neste diario fai 28 anos. No 2002 foi designado director de El Comercio de Gijón e dous anos máis tarde trasládose a Madrid como director adxunto de ABC.

3,3 millóns de lectores

Vocento é un grupo de comunicación multimedia que ten unha audiencia de 3,3 millóns de lectores, segundo o último Estudo Xeral de Medios. En concreto, é o editor de ABC, El Correo, El Diario Vasco, El Norte de Castilla, Las Provincias e oito diarios rexionais máis.

O grupo ten tamén unha presenza destacada noutras áreas da información, contando cos seus suplementos e a axencia de noticias Colpisa; así como no entretemento, con NetTV, Flymusic, Punto TV, unha participación do 13% en Telecinco, e Punto Radio; a produción audiovisual -Grupo Europroducciones, BocaBoca, Grupo Videomedia e a distribuidora cinematográfica TriPictures; e internet, onde conta con máis de dez millóns de visitas ó mes.

MADRID
ESTRELLA DIGITAL / E. P.