Aumentan os ataques a xornalistas durante a cobertura de protestas

O informe Seguridade dos xornalstas que cubren protestas: preservar a liberdade de prensa en tempos de disturbios, publicado pola Unesco, recolle un aumento dos acosos e detencións de xornalistas durante a cobertura de protestas, especialmente causadas polas forzas de seguridade, con 10 xornalistas asasinados e 125 ataques desde 2015, 21 deles nos primeiros 6 meses do 2020. A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información reclama que España tome medidas para protexer aos informadores que cubren manifestacións

A UNESCO ven de publicar o seu informe Seguridade dos xornalstas que cubren protestas: preservar a liberdade de prensa en tempos de disturbios, que documenta unha suba considerábel dos ataques e arrestos a xornalistas mentres estaban a cubrir manifestacións. Desde o ano 2015, o relatorio recolle un total de 125 situacións deste tipo en 65 países, das que 21 se produciron nos primeiros seis meses deste ano. Ademais, polo menos 10 xornalistas foran asasinados durante a cobertura de protestas: Ferzat Jarban, Elidio Ramos ZárateYaser Murtaja, Ángel Eduardo Gahona, Lyra McKee, Precious Owolabi, Ahmed Abdul Samad e Safaa GhaliAlex Ogbu e Ahmed Muhana Al-Lami.

O documento apunta á policía e as forzas de seguridade como principal causante dos ataques a xornalistas, sendo as accións máis frecuentes o uso de armas non letais, o uso de armas letais, as detencións, o bloqueo da cobertura dixital e a utilización de ferramentas de rastrexamento e escoita. A UNESCO apunta tamén a nesgos de xénero e raciais, destacando que as mulleres que traballan nos medios están máis expostas ás ameazas de violencia sexual e violación e que os xornalistas negros ou racializados enfrontan unha maior discriminación no exercicio da súa  profesión. 

O relatorio remata ofrecendo algunhas recomendacións e documentos para formar ás forzas de seguridade no respecto á liberdade de información, así como  para aumentar a seguranza dos xornalistas que cubren protestas. Tamén instan aos gobernos a garantir a proporcionalidade das accións das fuerzas de seguridade e promover o respecto pola prensa por parte da sociedade civil e os grupos de protesta.

A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información aproveitou a publicación do informe para lembrar que, desde o ano 2014, veñen documentando casos de agresións graves, detencións inxustificadas e amenazas contra informadores; e para reclamar, unha vez máis que España adopte medidas para protexer aos periodistas que cubren protestas e manifestacións.

CPXG