Baixa o número de xornalistas asasinados pero aumentan os encarcerados e as mortes en países en paz

Reporteiros sen Fronteiras vén de publicar o seu Balance Anual 2019, que recolle 49 xornalistas asasinados, un número considerabelmente menor ao doutros anos. A organización, porén, chama a situar este descenso nun contexto de "agonía" do xornalismo e lembra que o número de reporteiros encarcerados aumentou e o de secuestrados mantense nos mesmos niveis co do 2018. 

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) publicou o pasado martes 17 de decembro o seu Balance Anual 2019 de ataques cometidos contra xornalistas. O balance deste ano mostra que 49 reporteiros foron asasinados mentres realizaban o seu traballo, a cifra máis baixa rexistrada pola organización desde 2003. Deles, a meirande parte, 36, eran xornalistas profesionais, mentres que tres eran colaboradores dos medios de comunicación e dez non profesionais. O relatorio, porén, chama a contextualizar esta cifra e asegura que se este ano foron asasinados menos profesionais é "porque o xornalismo agoniza". De feito, o balance aventura a hipótese de que a cifra de reporteiros mortos disminúe porque "se presta menos atención e menos recursos á realidade internacional, e porque os xornalistas aprenderon a ser máis cautelosos á hora de informar desde zona de guerra".

Neste sentido, RSF lembra que este ano "se continuou asasinando igual que siempre aos xornalistas locais" e salienta o feito de que "no 2019 houbo máis mortes en países en paz que en países en conflito", unha tendencia contraria á do ano anterior. Os países con maior número de xornalistas asasinados son os mesmos que no 2018, rexistrándose principalmente en México (10 asasinatos), Siria (dez), Afganistán (cinco), Pakistán (cuatro) e Somalia (tres).

Por outra banda, o número de reporteiros encarcerados non deixa de aumentar, e segundo RSF, nestes momentos hai 389 profesionais en todo o mundo nesta situación, un 12% máis que no 2018. Case a metade dos xornalistas encarcerados a escala global (186 de 389) concéntrase en tres países: China (cun terzo dos profesionais privados de liberdade en todo o mundo), Exipto e Arabia Saudita. No que fai aos xornalistas secuestrados, este ano remata con 57 profesionais nesa situación, practicamente os mesmos que o ano pasado. Os principais grupos secuestradores son o Estado Islámico, con vinte e catro xornalistas retidos, e os hutís, con catorce.

CPXG