Campos comprométese cos maiores de Lugo a continuar cos cursos de novas tecnoloxías no Servizo de Audiovisuais

Asistentes á Festa de Nadal da Fundación TIC (Foto: Fundación TIC)

Desde 2013 este programa rexistrou arredor de 20.000 solicitudes, e duplicáronse os cursos máis demandados e os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva e funcional.

O Presidente da TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos, anunciou este venres “o meu compromiso cos maiores da provincia de continuar coa programación para o fomento do uso das novas tecnoloxías a través novo Servizo de Audiovisuais, que se porá en marcha o 1 de xaneiro coa disolución a Fundación TIC. Ademais, potenciaremos de forma sensible esta actividade para achegala aos 67 Concellos da provincia”.

Darío Campos Conde, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo este anunciou durante a Festa de Nadal coa que rematou a encomenda da Deputación á Fundación TIC para xestionar esta actividade.

Os dous mandatarios compartiron a xornada con usuarios do InLugo, na que puideron xogar aos bolos coa X-Box, cantar panxoliñas coa axuda de YouTube ou fotografase en diversas localizacións grazas ao croma. Ademais, levaron unha fotografía de recordo na que posaron todos xuntos.

20.000 solicitudes desde 2013

Desde a súa creación en 2013, os cursos e obradoiros para maiores rexistraron arredor de 20.000 solicitudes, “unha demanda que foi medrando considerablemente de ano en ano. Por poñer só un exemplo, no último trimestre de 2018 houbo máis solicitudes que en todo 2015”, apuntou o Presidente a Deputación.

Nas enquisas de satisfacción que se fixeron desde a primeira tempada, a práctica totalidade dos usuarios amosou o seu desexo repetir os cursos. Para dar resposta a esta demanda completouse a programación con talleres de reforzo.

Ademais, e atendendo ás peticións dos maiores, desde 2016 duplicouse o número dos cursos máis solicitados, que son os relativos ao uso básico do móbil e tableta ou de iniciación á Internet, así como os obradoiros de memoria e de estimulación cognitiva e funcional.

Seis anos cos maiores da provincia

O InLugo naceu en 2013 dentro do programa InnovaTe, cofinanciado nun 80% con fondos europeos e nun 20 % cos da Deputación de Lugo. Unha vez rematado en marzo de 2015, e ante a alta demanda por parte dos usuarios, a institución provincial asumiu o Plan con fondos propios a través dunha encomenda pola que a actividade pasou a ser xestionada pola TIC ata este15 de decembro. Coa disolución da Fundación o 31 de decembro de 2018, a Deputación asumirá directamente esta actividade a través do novo Servizo de Audiovisuais.

FUNDACIÓN TIC