Campos ofrece aos 25 novos titulados da EIS de Lugo o apoio da TIC na súa nova etapa profesional

Gala de Graduación (Foto: Fundación TIC)

Os alumnos de primeiro organizaron a Gala de Graduación inspirada no Oeste Salvaxe na que se proxectaron dúas curtas e tres videoclips elaborados polos novos titulados.

O Presidente da TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos, clausurou o curso 2017-2018 da Escola de Imaxe e Son nun acto ao que asistiu numeroso público, entre familiares, colaboradores e representantes de medios de comunicación e do sector audiovisual. Campos Conde felicitou aos 25 novos titulados da EIS e ao alumnado de primeiro de Produción e Realización encargado de organizar e gravar a Gala de Graduación, inspirada no Oeste Salvaxe.
 
O máximo responsable provincial afirmou que “este é un día moi importante para todos os que formamos a familia da TIC. Unha nova promoción da nosa Escola, da que nos sentimos especialmente orgullosos, deixa a EIS para iniciar unha nova andaina, cargada de ilusión, e na que poderán seguir contado co noso apoio, dentro das nosas posibilidades. Para min é unha satisfacción saber que, co esforzo de todos, principalmente dos alumnos e alumnas, pero tamén de profesores e técnicos, e do Goberno da Deputación, desde o que apostamos por investir nun ensino de calidade e en igualdade de condicións, os novos titulados acceden ao mercado laboral cunha preparación axeitada ás demandas do sector”.
 
O modelo educativo da TIC
 
Na súa intervención, o Presidente da TIC dixo que “durante estes dous anos, os alumnos e alumnas que se gradúan hoxe puxeron en práctica os seus coñecementos en diversos escenarios reais, un dos principais sinais de identidade do noso modelo formativo”. A esta nova promoción animouna a que “loitedes para acadar os vosos soños. Na Escola de Imaxe e Son de Lugo tivestes a oportunidade de formarvos. Agora tócavos a vós traballar para sacarlle o mellor partido. Polos encontros que mantivestes con profesionais de prestixio durante estes dous anos, sabedes que o camiño non é doado. Pero con formación, talento e perseveranza estou seguro de que conseguiredes grandes metas”.
 
Unha viaxe ao Far West
 
Os alumnos de primeiro de Produción organizaron a Gala de Graduación, inspirada no Oeste Salvaxe, como práctica dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Os de primeiro de Realización foron os encargados da súa gravación íntegra. O encontro incluíu ademais un photocall na entrada da Escola.
 
Durante a velada proxectáronse algúns dos traballos elaborados polos novos titulados no  último curso: os videoclips La solución final do grupo The Trucks, La realidad de Alba Mesa e Invierno en los cuarteles de Vizcaíno; e as curtametraxes La llegada e Nuevo ciclo. Pero os alumnos tamén realizaron e produciron ao longo do ano diversos programas de televisión e a Semana de Teatro.
 
Prazos para o curso que vén
 
Darío Conde anunciou que “manteremos a gratuidade de matrícula para que todos os mozos da provincia con talento e vocación poidan acceder a formación de calidade da nosa Escola en igualdade de condicións”.
 
A matrícula para o curso 2017- 2018 será gratuíta por undécimo ano consecutivo. O prazo de preinscrición para as 40 prazas de primeiro dos ciclos Superiores de Realización e Produción estará aberto ata o 27 de xuño. O 29 deste mes publicaranse as listas provisionais, o 2 e 3 poderán presentarse reclamacións e o 4 de xullo saíran as listaxes definitivas. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 5 ao 20 de xullo.  
 
FUNDACIÓN TIC