Carta do CPXG ao Embaixador de Turquía sobre a situación de Zehra Doğan

O Colexio Profesional de Xornalistas remitiu unha misiva ao Embaixador de Turquía en España, Ömer Önhon, na que expresa a súa preocupación pola situación de encarceramento de Zehra Doğan.

O Decano, en nome da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas, solicita ás autoridades turcas que non se poñan trabas á liberdade de prensa e traslada ao embaixador a inquedanza pola situación de todos os xornalistas encarcerados en Turquía. Este é o contido íntegro da carta:

Estimado Honorábel Embaixador,

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade de dereito público que representa legalmente aos xornalistas galegos, quere trasladarlle a vostede e ao goberno turco, por medio do presente escrito, a nosa preocupación polo encarceramento de Zehra Doğan, candidata na edición deste ano 2018 ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Unha preocupación que queremos facer extensiva a todo o conxunto da profesión que sofre penas de cadea na República de Turquía.

O Colexio de Xornalistas tivo noticia de que a xornalista Zehra Doğan leva xa dez meses encerrada na prisión de Diyarbakır, onde aínda terá que cumprir case 2 anos máis de cadea se non obtén unha redución de condena. Actualmente, ten o correo requisado e prohíbeselle toda comunicación.

A información, un requisito indispensábel nunha sociedade democrática, non é compatíbel coa persecución xudicial. É por iso que desde a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas queremos solicitar ás autoridades turcas que non se poñan trabas á liberdade de prensa, que se permita a expresión de Zehra Doğan e do resto de profesionais da comunicación e que todos os procesos xudiciais que se produzan contra xornalistas se realicen en perfectas situacións de transparencia e proporcionalidade.

Agradecendo de antemán a súa atención, quedamos á súa disposición para o que considere oportuno. 

Reciba un cordial saúdo,

CPXG