Cegasal amplía a tres os premios á mellor información sobre economía social
O xurado do Premio Cegasal á mellor información xornalística sobre economía social reuniuse o xoves 6 de abril para as últimas deliberaciones sobre os traballos presentados ao galardón organizado pola Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Finalmente, e debido á gran calidade de todos os traballos presentados, desde Cegasal decidiuse ampliar o número de premios, pasando dun a tres, un de 1.000 euros e outros dous de 500 euros cada un. Para os membros do xurado, os traballos xornalísticos que optaron aos galardóns acertaron co obxectivo do certamen: dar visibilidade aos centros especiais de emprego, que permiten a incorporación á vida laboral das persoas con discapacidade.
A importancia do labor xornalístico neste sentido, segundo explicou José Antonio Vázquez Freire, presidente de Cegasal, "é clave para dar a coñecer á opinión pública a problemática do colectivo". Así, sinalou que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo "e, o que é máis grave, a maioría non o busca porque considera que non o vai a poder atopar ante o reparo que xera nas empresas a súa contratación polo daniño descoñecemento social das súas capacidades".
Vázquez Freire destacou a importancia da colaboración dos medios para dar a coñecer á sociedade, "non tanto o traballo que se realiza desde Cegasal, que tamén, senón principalmente o esforzo das persoas con algunha discapacidade para evitar paternalismos e gozar dunha vida plena, na que a formación e o traballo son dous alicerces fundamentais".
O xurado dos premios, que se darán a coñecer o próximo día 14 de abril, estivo composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
CPXG