Cegasal convoca a cuarta edición dos seus premios xornalísticos

Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) convoca a cuarta edición dos seus Premios á Mellor Información sobre Economía Social, na que colabora o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, sempre centrada nos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman a asociación. Este ano incorporouse un novo galardón para recompensar a traxectoria dun ou unha profesional.

O obxectivo destes premios, un para xornais, dixitais e revistas, e outro para radio e televisión -dotados con 1.500 euros cada un-, é o de dar maior visibilidade aos e ás traballadoras con discapacidade e o labor que realizan neste sentido os 32 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que forman parte a día de hoxe de Cegasal.

O papel dos medios de comunicación neste labor de divulgación é fundamental e moi necesario, dado que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo. De aí a importancia da colaboración dos xornalistas para dar a coñecer esta realidade á sociedade.

Desde os centros especiais de emprego apostan porque a discapacidade, ou as "capacidades diferentes", non sexan un impedimento para o pleno desenvolvemento destas persoas tamén no ámbito laboral.

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre economía social, certame no que colabora desde a súa primeira edición o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, poden consultarse nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas e da Asociación Cegasal

Poden optar aos premios os traballos publicados e/ou emitidos desde o peche da anterior edición, en abril de 2019, até o día 12 de setembro de 2020, que é cando remata o prazo de recepción dos traballos. 

Os traballos deberán enviarse, vía correo electrónico, ao seguinte enderezo: cegasalcomunicacion@gmail.com, e a información presentada deberá ir acompañada dun breve currículo do autor.