Cegasal presenta a segunda edición do seu premio xornalístico con importantes novidades

Xosé Manuel Pereiro e José Antonio Vázquez Freire na presentación do premio

Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) convoca a segunda edición dos seus premios á mellor información xornalística sobre economía social, que conta de novo coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Nesta nova edición aumenta o importe do galardón e divídese o premio en dúas categorías: unha dedicada ao mellor traballo en prensa escrita ou diarios dixitais, e unha segunda para informacións de radio e televisión.

Estes dous galardóns, dotados con 1.500 euros cada un, manteñen o obxectivo inicial de dar visibilidade ás persoas con discapacidade de Galicia e mostrar as dificultades coas que se atopan á hora de optaren ao mercado laboral, así como dar a coñecer o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman Cegasal.

José Antonio Vázquez Freire, presidente da Asociación, recordou que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo, "e hai moitos que nin o buscan porque consideran que non teñen opcións de atopalo". Destacou neste sentido o papel dos medios de comunicación, "cuxo labor nos dá unha maior visibilidade e normalización, que é, en definitiva, o que buscan estas persoas, alén de calquera tipo de paternalismo".

Para o presidente de Cegasal, máis que falar de discapacidade, do que habería que falar é de "capacidades diferentes" e destacou o traballo dos centros especiais de emprego para axudar á plena integración destas persoas na sociedade.

Por segundo ano, o galardón conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, cuxo vicedecano, Xosé Manuel Pereiro, estivo na presentación desta segunda edición. 

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro pódense consultar nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas e de Cegasal. O prazo de recepción dos traballos péchase o próximo 30 de marzo e os ganadores serán anunciados na primeira quincena de maio. 

O xurado estará composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Os traballos deberán enviarse, vía mail, á seguinte dirección de correo: cegasalcomunicacion@gmail.com, ou por correo ordinario ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo. 15707 Santiago de Compostela). A información presentada deberá ir acompañada dun breve currículum do autor da mesma.

CPXG