Celebrado este domingo o Día Internacional contra a Censura en Internet

Este domingo 12 de marzo celebrouse o Día Internacional contra a Censura en Internet, unha iniciativa posta en marcha para reclamar unha rede sen restricións accesíbel a todo o mundo.

O Día Internacional contra a Censura en Internet é unha data establecida desde o ano 2008 a petición de Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) e Amnistía Internacional (AI). A través de distintos eventos online, pretende reclamar unha rede sen restricións accesíbel universalmente e chamar atención sobre como gobernos de todo o mundo censuran e restrinxen a liberdade de expresión.

Con motivo desta celebración, RSF vén de publicar o informe Censura e vixilancia de xornalistas: un negocio sen escrúpulos, no que denuncia a facilidade coa que as principais empresas de Internet se someten ás demandas dos reximes autoritarios para obter beneficios. O relatorio presenta tamén recomendacións para loitar contra a cibercensura e ofrece consellos aos xornalistas para protexer os seus datos e comunicacións.

RSF puxo tamén en marcha a terceira edición da operación Collateral Freedom, na que, a través da creación de duplicados de sitios censurados, se ofrece un acceso alternativo a medios de información bloqueados nos seus países. Nesta ocasión desbloquearonse as webs de Ozguruz (do xornalista Can Dündar) en Turquía, Azathabar en Turcomenistán, Meydan TV en Acerbaixán, Doha News en Qatar e Alqst en Arabia Saudita.

Pola súa banda, AI aproveitou a data para incidir en como as restriccións na rede afectan a persoas de todo el mundo e reclamar que as empresas de tecnoloxía apliquen ferramentas básicas de cifrado e protección da privacidade en todos os seus produtos.