Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas

Este venres 2 de novembro celébrase o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas, con campañas como #endimpunity que esixen castigo para os ataques a comunicadores. A data coincide coa recuperación, no Congreso dos Deputados, da reforma para recuperar a xustiza universal, que permitiría xulgar o asasinato de José Couso. 

Este venres 2 de novembro celébrase o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas. Con esta data, estabelecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no 2013, quérese lembrar que a seguranza dos xornalistas é vital para termos acceso a unha información diversa e independente e que "a impunidade dos asasinatos de xornalistas dana á sociedade no seu conxunto ao encubrir graves abusos dos dereitos humanos, corrupción e outros delitos". Por iso, a ONU ista aos estados membros a "facer todo o posíbel por previr a violencia contra os xornalistas e traballadores dos medios de comunicación e a asegurar que os autores desa violencia rendan contas ante la xustiza".

Segundo as cifras da Federación Internacional de Xornalistas (FIP), 74 comunicadores foron asasinados no que vai de ano mentres exercían a súa profesión. Actualmente, nove de cada dez casos de xornalistas asasinados seguen sen resolverse, e a taxa de impunidade nos ataques non mortais é ainda maior. Por iso, a FIP lanza a campaña #endimpunity, que busca facer responsábeis aos gobernos e poderes fácticos destas taxas de impunidade, así como denunciar calquera crime cometido contra unha ou un xornalista que permaneza sen castigar. A campaña deste ano fai fincapé nas situacións en Afganistán, Malta, México, a República Democrática do Congo e o Iemen

Na nosa contorna, a celebración desta data vén acompañada de novas esperanzadoras para a resolución dun dos casos impunes de asasinatos de xornalistas, o de José Couso. O Congreso de Deputados desbloqueaba a pasada semana a revisión da reforma lexislativa do 2014, cun aparente acordo de todos os partidos para recuperar a xurisdicción universal. Este martes ás 20 horas rematou o proceso de presentación de enmendas á proposta para a recuperación deste principio universal que mantén sete causas abertas na Audiencia Nacional, entre elas a do cámara ferrolán. 

A información sobre o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas pode seguirse nas redes a través de cancelos como #endimpunity, #NoALaImpunidad ou #journosafe

CPXG