éDeporte, un proxecto audiovisual sobre o deporte galego, gaña a quinta edición da Bolsa Nacho Mirás

Partido entre e o Godoy Maceira BM Porriño - Mecalia Atl. Guardés (Foto: Harpagornis (CC BY-SA 4.0))

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, recaeu nesta quinta edición en éDeporte, un medio que narrará historias do deporte galego a través de pezas audiovisuais que poidan ser compartidas nas redes.

O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados anunciou a súa decisión de premiar na edición de 2020 o proxecto denominado éDeporte, presentado e coordinado por César Fieiras Ceide. Desde o xurado da bolsa, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, destacouse nesta quinta edición o incremento do número de proxectos presentados, que chegaron a duplicar os do ano pasado, ademais da calidade das memorias entregadas polas e polos participantes.

éDeporte é un novo medio de comunicación dixital que narra historias de deporte galego, en galego, a través de pezas audiovisuais orixinais que se distribúen na súa páxina web e redes sociais. O formato de éDeporte adáptase ás novas modalidades de consumo de información dos usuarios, ademais de ofrecer unha selección temática baseada nos gustos, peticións e intereses que identifica na conversa cos seus seguidores en redes. Ningún deporte nin deportista queda excluído da axenda do medio, caracterizada polo seu carácter global e inclusivo. éDeporte pretende ser a referencia do deporte galego na rede, unha plataforma versátil cuxa proposta de valor narrativa e estética mestura tradición e vangarda. 

César Fieiras Ceide, estudante de último curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, é o principal responsábel do proxecto, e ocupará o cargo de director de contidos de éDeporte. Paula Avendaño Liste e Lucía Cancela Martínez, ambas as dúas tamén no último ano da dobre titulación de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, serán as directoras de produción e contidos na rede, respectivamente. O resto do equipo está formado por Jorge Hernán Díaz, estudante de último curso do Grao en Comunicación Audiovisual da USC, que traballará na cámara, montaxe e posprodución, e Alejandro Gómez Fernández, graduado en Xornalismo pola USC que se encargará da foto-fixa. Ademais, o medio conta tamén coa colaboración de Íñigo Rolán Taboada, estudante de último curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que exercerá de director de fotografía.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

O xurado estivo formado formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

CPXG