Ferramentas para informar con orgullo da comunidade LGTBQI

Con motivo do Día do Orgullo da comunidade LGTBQI, repasamos algunhas das guías, manuais e recomendacións para tratar nos medios de comunicación a diversidade sexual e de identidades de xénero desde unha perspectiva igualitaria e libre de estereotipos. 

Este 28 de xullo celébrase en todo o mundo o Día do Orgullo, co que se reivindica a diversidade sexual e os dereitos da comunidade LGTBQI (Lesbianas, Gays, Bisexuais, Trans, Queers e Intersexuais). Este ano, ademais, fanse cincuenta anos da Rebelión de Stonewall, o punto de partida da reivindicación moderna da comunidade LGTBQI a nivel mundial. 

Cincuenta anos despois, aínda resta moito camiño por andar para acadar a igualdade de todas as orientacións sexuais e identidades de xénero, mais a visibilidade cada vez maior de modelos que van alén da norma cisheterosexual nos medios de comunicación é un bo síntoma do que se avanzou nestas últimas décadas. Este interese crecente do xornalismo pola comunidade LGTBQI implica, porén, novos retos para as e os profesionais da comunicación, que deben favorecer a normalización do colectivo, denunciar a discriminación e evitar usar tratamentos estereotipados. 

Na busca dunha cobertura axeitada e responsábel de temas sensíbeis, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten abordado tamén a realidade da comunidade LGTBQI. Así, a Guía de linguaxe inclusiva, redactada polo alumnado da USC en colaboración co Colexio, inclúe un apartado sobre Comunidade LGTBQI que recolle recomendacións para mellorar o tratamento da diversidade sexual nos medios, así como un glosario de terminoloxía axeitada e expresións a evitar. 

Para profundizar no correcto tratamento dos temas relacionados coa comunidade LGTBQI existen tamén outros documentos a disposición das e dos xornalistas. Entre outras, podemos destacar a Guía de buenas prácticas para el tratamiento de la diversidad sexual y de género en los medios de comunicación editada pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuales y Bisexuales e a Agrupación de Periodistas de CCOO, as Recomendaciones sobre el tratamiento de las personas lesbianas, gays, bisexuales, transgéneros e intersexuales (LGBTI) en los medios audiovisuales publicadas polo Consell de l'Audiovisual de Catalunya, a Guía Para los Medios da norteamericana Alianza Gay e Lésbica Contra a Difamación ou o Manual de Comunicação LGBTI+ da Rede Gay Latino e a Aliança Nacional LGBTI brasileira.

CPXG