Gran éxito da campaña #IgualdadeDePrensa do Colexio de Xornalistas

A campaña #IgualdadeDePrensa do Colexio de Xornalistas, reactivada este 7 de marzo para que as xornalistas galegas lles "cantasen as corenta" aos medios de comunicación en materia de igualdade, conseguiu unha gran repercusión nas redes sociais.

A campaña, iniciada coas achegas dun grupo de mulleres profesionais de diferentes ámbitos, idades, condicións e funcións, foron sumándose distintas comunicadoras galegas, entre elas Julia Otero, a monfortina que escoitan na radio cada día centos de miles de persoas. As reflexións sobre temas como a fenda salarial, a corresponsabilidade, o teito de cristal, a dobre xornada, a discriminación ou os estereotipos chegaron, a través de centos de rechíos, a preto de 150.000 persoas, conseguindo case 7.000 interaccións. 

O hashtag #IgualdadeDePrensa, que chegou a ser trending topic, foi usado tamén para anunciar as convocatorias que as mulleres xornalistas realizaron en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra para concentrarse e acudir unidas ás distintas manifestacións do 8 de marzo, mostrando así o compromiso das profesionais do xornalismo contra o machismo no sector baixo o lema "As xornalistas paramos".

CPXG