Manifesto sobre a igualdade de xénero nos medios

Con motivo da celebración, o 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas manifesta o seu compromiso e defensa da igualdade de xénero nos medios de comunicación, motivo polo que expón o seu posicionamiento nas seguintes áreas: relacións laborais, exercicio profesional, estereotipos e hipersexualización, violencia machista e novas medidas a adoptar para conseguir a devandita igualdade.

Relacións laborais

  • Eliminación do teito de cristal. Inclusión das mulleres nos cargos de responsabilidade e na toma de decisións para asegurar que a paridade de xénero non se produce só no tratamento informativo, senón tamén na estrutura dos medios de comunicación. É un aspecto esencial porque isto se reflicte tamén na sensibilidade do medio na loita contra o sexismo.
  • Eliminación da brecha salarial de xénero nos medios de comunicación.
  • Romper inercias no que respecta á execución de tarefas profesionais en función do xénero: homes presentadores e mulleres como presentadoras secundarias, homes maiores co rol principal acompañados de mozas novas como secundarias nun informativo, etc. 
  • Desenvolver medidas que favorezan a conciliación e elaborar e implementar planos de igualdade; formación en materia de xénero.

Exercicio profesional

  • Utilización dunha linguaxe inclusiva tanto no traballo xornalístico como no desenvolvemento diario das relacións laborais.
  • Eliminación da visión nesgada de xénero no tratamento informativo, dado que os contidos que transmiten os medios de comunicación son un reflexo da sociedade na que vivimos e, á vez, un modelo dos valores sociais:
    • Asegurar a paridade de xénero na procura de fontes de información, especialmente no que se refire á selección de persoas expertas en diferentes ámbitos. 
    • Garantir a paridade de xénero no ámbito da opinión nos medios (tertulianos/as, columnistas...).
    • Visibilizar a presenza de mulleres nos cargos de poder e representalas, tanto a nivel informativo como visual, sen caer en estereotipos sexistas.
    • Sensibilización na perspectiva de xénero: ofrecer unha mirada positiva do rol das mulleres na sociedade. Dar autoridade e singularidade ao rol das mulleres en ámbitos aínda pouco identificados con elas. Inclusión de noticias nas que se poña en valor o papel das mulleres.
    • Detectar ámbitos nos que sexa evidente a falta de paridade entre xéneros e darlles visibilidade para acabar co nesgo sexista.
    • Eliminación do uso de imaxes con escenas que reforcen o sexismo e os estereotipos caducos (por exemplo, homes comprando coches e mulleres comprando comida, homes conducindo e mulleres coidando pícaros). Fomentar o uso de imaxes que non reproduzan os estereotipos.
    • Paridade nalgúns ámbitos informativos para sensibilizar na perspectiva de xénero. Ofrecer unha mirada positiva: inclusión de noticias nas que se poña en valor a presenza feminina. Visualización das accións levadas a cabo por mulleres. Dar autoridade aos traballos realizados por mulleres.
    • Na presentación de datos estatísticos, ofrecelos tamén especificando razóns de xénero (por exemplo, á hora de dar cifras de paro, de brecha salarial, que se especifiquen as porcentaxes por razóns de xénero).
    • Recuperación da memoria histórica para resarcir o sexismo informativo do pasado: poñer en valor ás mulleres invisibilizadas por culpa do machismo.
    • Sensibilización por parte dos gabinetes de prensa ao respecto das noticias onde as mulleres sexan protagonistas, que se reforce ou reivindique a igualdade de xénero ou se expliquen iniciativas que a poñan en valor.

 

Estereotipos e hipersexualización

  • Eliminación do uso mediático do corpo da muller como reclamo. Non potenciar os estereotipos físicos sexualizados femininos como estratexia para embelecer o contido mediático. Acabar coa elección de mulleres xornalistas en función dos seus atributos físicos. Eliminar o uso dun estilismo e un vestuario que potencie os atributos físicos e sexualice o seu xeito de comunicar.
 

Violencia machista

  • Garantir o tratamento da violencia machista como unha violación dos dereitos humanos e como un problema social. Evitar o sensacionalismo e o drama no seu tratamento mediático e facelo desde a responsabilidade e a ética profesionais. Potenciar o uso de fontes expertas en violencia de xénero e a información que poidan facilitar responsables políticos e xurídicos. Evitar as testemuñas accidentais que o convertan en simples casos illados que perpetúen condutas tóxicas.
  • Fomentar a formación específica dos e as profesionais da comunicación no tratamento da violencia machista, especialmente no uso dunha linguaxe adecuada e responsable.
 

Novas medidas

  • Fomentar a formación e a reciclaxe dos e as profesionais da comunicación no ámbito da perspectiva de xénero en xeral.
  • Fomentar a creación de comisións internas dentro dos medios de comunicación que supervisen e corrixan erros, inercias e malas prácticas neste sentido.
  • Desenvolver protocolos de prevención e denuncia para casos de acoso no traballo ou nas redes por razón de xénero.

 

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove Colexios Profesionais de Xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castilla e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS

Video "Manifiesto sobre la igualdad de género en los medios"