Memoria e esperanzas xornalísticas vinte anos despois

O domingo 9 de abril do ano 2000, a Asemblea Constituínte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aprobaba os estatutos e elixía a que sería a primeira Xunta de Goberno da institución. Cando se fan 20 anos daquel nacemento do órgano de representación das e dos xornalistas galegos, o primeiro decano do Colexio, Xosé María García Palmeiro, lembra aquela primeira asemblea.

Memoria e esperanzas xornalísticas vinte anos despois

A mañá daquel segundo domingo de abril do 2000 apareceu anubrada, algo chuviosa e orlada de emocións. memoria e esperanzas xornalísticas. O auditorio da Universidade de Santiago de Compostela abriuse para acoller os votos presenciais que escollerían, entre dúas candidaturas, a primeira Xunta de goberno do recén creado Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Foi alta a participación (65 % de algo mais de mil profesionais inscritos) e alto o respaldo (+70 %) da lista que tiven a honra de encabezar e propoñer.

Tratábase de intentar superar as dificultades, precariedades, carencias e incertezas sentidas na profesión, á marxe dalgunha euforia macroecnómica e da presenza cada vez mais determinante do capital financeiro no hipersector da comunicación. Tratábase asimesmo de subliñar o feito de a liberdade de expresión e o dereito á información seren dous chanzos indispensables dunha sociedade libre e democrática. 

Labor inacabable, esforzo permanente enfrontado por aquela primeira directiva, polas catro que lle seguiron e polas que han continuar o camiño aberto, coa axuda da profesión toda, dúas décadas despois. Algo importante ten feito esta corporación de dereito público e novos desafíos agardan, intra e extramuros, en tempos de nada disimulados ramalazos de autoritarismo post-democrático e da interesadamente enmarañada selva ciber-espacial. Unha gran carreira de fondo, a do xornalismo, xa que logo, a do CPXG. 

Así as cousas, nesta mañá de abril de 2020 namais teño verbas de agradecemento pola confianza e a axuda de compañeiras e compañeiros. Polo traballo feito e polo que han seguir facendo ao servizo do xornalismo imprescindible. Memoria, esperanza e liberdade sempre.

Xosé María García Palmeiro 
1º Decano do CPXG (2000-2004)