Nuria López Presedo gaña o XVIII premio Carracedo de xornalismo

A xornalista Nuria López Presedo gaña o XVIII Premio “Xosé Aurelio Carracedo” de xornalismo por unha serie de reportaxes radiofónicas emitidas na Radio Galega sobre o patrimonio dos Franco en Galicia. O xurado contou coa participación de Abelardo Vázquez Pita en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Unha serie de reportaxes radiofónicas, emitida na Radio Galega e da que é autora a xornalista Nuria López Presedo, gaña o XVIII Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo na súa convocatoria de 2018. O xurado, reunido onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, ditaminou outorgar o galardón, que concede a Deputación de Ourense, a Nuria López destacando “a calidade do seu xornalismo de investigación, que afonda na temática cultural desde o punto de vista do patrimonio”.

O xurado destacou do traballo premiado a calidade do xornalismo de investigación que amosa, e o tema de actualidade que trata nesta serie de reportaxes, o cal permite tomar conciencia ao respecto do noso patrimonio, reforzando a identidade galega. Tamén remarca o xurado, desde o punto de vista periodístico, a estrutura narrativa das reportaxes, o enfoque dado á problemática e o labor de documentación realizado ao respecto das obras espoliadas.

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado polo Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra; Carmen Prado Pico, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Luis Álvarez Pousa, en representación da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e Abelardo Vázquez Pita, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

O premio, dotado con 3.000 euros e diploma, entregarase o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, presidido polo titular do goberno provincial, Manuel Baltar.

Nuria López Presedo é licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa na Radio Galega desde 1997, onde na actualidade é redactora do informativo Crónica das Dúas e do programa de reportaxes Panorámica, ademais de realizar colaboracións no Diario Cultural, no Convivir e no programa Un país mundial. Anteriormente desenvolveu o seu labor profesional en Radio Nacional de España, en Radiovoz, e colaborou en diferentes medios de comunicación de prensa e radio. Ten publicados os libros Os cadernos dun prisioneiro de guerra (2003), Rande, mito e realidade (2002) e Ángel Johán, retrato dun artista (2001). 

CPXG