O 10 de febreiro comeza en Lugo o apagamento de frecuencias da TDT

O vindeiro 10 de febreiro comeza en Lugo e 16 provincias máis o apagamento de frecuencias da TDT consecuencia do segundo dividendo dixital. O apagamento, que afectará posteriormente tamén a Ourense e Pontevedra, vai rematar o 3 de marzo. O goberno lanzará unha campaña este mes para lembrar a necesidade de adaptar os receptores. 

O vindeiro 10 de febreiro comezará na provincia de Lugo o apagamento de frecuencias da TDT para deixar libre a rede dos 700 MHz. As vivendas que non teñan adaptada para esa data as súas antenas deixarán de recibir o sinal das canles de televisión dixital terrestre. No caso das vivendas individuais só é necesaria a resintonización das canles nos televisores, mais algunhas comunidades de veciños poden precisar contratar un antenista que reconfigure as frecuencias.  Ao longo deste mes de xaneiro, o goberno lanzará unha unha campaña informativa e divulgativa para reforzar a adaptación dos receptores.

Ademais de a Lugo, o 10 de febreiro apagaranse frecuencias nas provincias de Albacete, Almería, Áraba, Biscaia, Córdoba, Guipúscoa, Granada, Huelva, Huesca, Baleares, Málaga, Segovia, Soria, Teruel, Valladolid e Zaragoza. O apagamento vai rematar o vindeiro 3 de marzo de 2020 e afectará tamén ás provincias de Ourense e Pontevedra, pero non á da Coruña, que non tivo que realizar ningún cambio de frecuencias, dado que xa estaba a recibir o sinal da TDT por outra banda.

O novo cambio de frecuencias veu provocado pola decisión da Comisión Europea de reservar a banda dos 700 MHz para as redes 5G e está previsto no Plano Técnico Nacional da TDTaprobado o 21 de xuño e tramitado por procedemento de urxencia. O plano non está exento de críticas, e o Consello de Estado xa indicou na súa avaliación que debera aproveitarse para regular as emisións en HD e 4K, dado que no 2023 será obrigatoria a emisión en alta definición.

CPXG