O CAA edita un decálogo para protexer os menores contra as noticias falsas

O Consejo Audiovisual de Andalucía elabora, como parte do seu labor de alfabetización mediática, #Pasa del bulo y navega seguro, un documento con recomendacións para que as persoas que teñen menores ao cargo poidan axudalos a combater a desinformación e a manipulación.

O Consejo Audiovisual de Andalucía (CAA) vén de publicar #Pasa del bulo y navega seguro, un decálogo de recomendacións, dirixidas a persoas con menores ao cargo, para afrontar a desinformación e a manipulación, dotando aos nenos e nenas das ferramentas necesarias para detectaren bulos ou noticias falsas.

Desde o CAA advírtese que, nunha situación na que detrás de cada noticia falsa adoita haber intereses económicos, políticos ou comerciais quebuscan manipular ao receptor, actuar con sentido crítico e ensinar aos mais novos que non todo o que se publica na rede é certo é parte do traballo de velar pola protección dos menores na contorna dixital. O documento forma parte dunha nova campaña do Consejo Audiovisual de Andalucía, encadrada dentro do seu labor de alfabetización mediática, que terá continuidade á volta do verán con anuncios na televisión e a colaboración de prestadores audiovisuais andaluces.

O decálogo consta das seguintes recomendacións, cada unha delas desenvolvida en máis profundidade: Pregúntate se estás ante un bulo, Investiga a fonte da noticia, Que no cha coen coa URL, Comproba data e formato, Aplica o sentido común, Compara o off-line co on-line, Pénsao antes de compartir, Navega pola rede con respecto, Educa aos máis cativos, Analiza sen présa a información. 

A aparición de diferentes fenómenos que aumentan o peso da desinformación no panorama mediático é un dos principais retos aos que se enfronta ao xornalismo na actualidade. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten realizado varias iniciativas contra as noticias falsas e os bulos, entre os que cómpre destacar a realización da xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión, cuxas ponencias poden ser vistas aquí.

CPXG