O Colexio de Xornalistas asina un convenio coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

Francisco X. González Sarria e Julio Sánchez Agrelo na sinatura do convenio

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Francisco X. González Sarria, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Julio Sánchez Agrelo, asinaron este mércores 14 de novembro un convenio marco de colaboración para instrumentar e regular a súa colaboración de cara ao interese común de ambas as dúas entidades.

O convenio contempla a realización en forma conxunta de actividades e proxectos en beneficio de ambos colectivos, entre as que se atoparían actividades formativas, eventos, publicacións, traballos de investigación ou dossieres informativos sobre temáticas de utilidade para os dous ámbitos profesionais, e calquera outra actividade de interese común que se verán materializadas a partires da sinatura dos oportunos convenios específicos..

Este convenio encádrase nos esforzos do Colexio de Xornalistas por estabelecer vías de colaboración con outros colexios e organizacións profesionais, de cara a socializar as problemáticas da profesión xornalística e defender os e as comunicadoras buscando intereses compartidos e realizando accións en común con outros colectivos profesionais. 

A AETG leva a cabo este tipo de iniciativas, xunto co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, co obxecto de promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento e a incorporación das novas tecnoloxías das telecomunicacións e da sociedade da información en diferentes ámbitos profesionais.

No acto de sinatura, os dous representantes valoraron positivamente esta iniciativa conscientes de que redundará no beneficio dos colectivos profesionais aos que representan e do conxunto da cidadanía.

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi constituída co obxecto social de velar polo prestixio moral, social e técnico dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar e estreitar os lazos de unión e compañeirismo entre estes, contribuir ao desenvolvemento e progreso da comunidade autónoma de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional e á súa integración nos mercados de traballo e a organización e concurrencia a congresos nacionais e internacionais.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

CPXG