O Colexio de Xornalistas condena o secuestro do fotógrafo galego José Cendón e o británico Colin Freeman en Somalia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) amosa a súa fonda preocupación e radical condena ó secuestro dos dous xornalistas que foron asaltados mentres viaxaban pola provincia somalí de Puntlandia. Unha das persoas retidas é o fotoxornalista galego José Cendón, quen nesta ocasión está realizando un traballo especial para o xornal británico The Daily Telegraph.
José Cendón viaxaba xunto con outro reporteiro británico, Colin Freeman. Segundo datos que manexan os medios de comunicación, o fotógrafo galego levaba varios días na rexión cubrindo a información sobre os piratas somalís e dispoñíase a abandonar a zona dende o aeroporto de Bosasso en dirección a Adis Abeba, en Etiopía, onde reside habitualmente.

Somalia é un país dominado por señores da guerra onde o Estado non existe e a piratería está á orde do día. Recentemente foron secuestrados por piratas barcos pesqueiros e, no último caso, un petroleiro saudí, o Sirus Star. Un fotógrafo australiano e unha xornalista de Canadá están agora mesmo tamén secuestrados.

Unha vez máis, lamentablemente, son os profesionais da información quen sofren as consecuencias de trasladarlle á cidadanía a realidade de situacións de conflicto en distintos países do mundo. O CPXG considera intolerables estes ataques indiscriminados á liberdade de prensa, contra xornalistas que cumpren co seu deber de informar alí onde é precisa a súa voz.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2008

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia