O Colexio de Xornalistas expresa a súa fonda preocupación polos efectos da crise nos medio

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar publicamente a súa fonda preocupación polas consecuencias que a crise económica está a ter no sector da comunicación.
Tralo anuncio do fin das emisións de Localia Televisión, agora é a empresa Planeta a que decidiu pechar as delegacións do xornal gratuíto ADN na Coruña e Vigo.

O CPXG entende que o despido de persoal –catro redactores e dous fotógrafos no caso de ADN en Galicia- debe ser sempre a derradeira medida e que non debe tomarse sen estudar antes outras alternativas. As decisións de Prisa e Planeta non deberan abrir a porta a unha cascada de peches, como se a primeira solución posible fose unicamente cesar a actividade e deixar a xente na rúa.

Novamente é un gran grupo de comunicación o que adopta unha medida traumática, cando debera ter recursos de abondo como para recolocar os traballadores afectados, se é que o peche é a única saída posible.

Esta Xunta de Goberno considera ademais que as formas empregadas polos directivos de ADN non foron neste caso as correctas, xa que os traballadores foron avisados con tan só un día de antelación, segundo os propios afectados.

Radio Sada

Por último, o Colexio de Xornalistas desexa que o acordo do pleno do Concello de Sada de aprazar a decisión sobre o peche da emisora municipal sirva para que o Goberno local atope outras solucións que permitan o mantemento da súa actividade e dos catro postos de traballo.

Esta Xunta de Goberno enviou o pasado mércores unha carta ó alcalde de Sada, Abel López Soto, na que lle expresaba o desexo do CPXG de que a emisora municipal retomase a actividade.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2008

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)