O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar pola morte de Ramón Chao

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere transmitir ás súas condolencias polo falecemento de Ramón Chao e trasladar o cariño de toda a profesión á familia e amigos do veterano xornalista e escritor.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935. Tras marchar a París cunha bolsa, na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesaba, “pois buscaban un locutor que soubese música e portugués”. En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos os dous idiomas. Dirixiu emisión radiofónicas en lingua galega, prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revista Triunfo, mantendo siempre o contacto con Galicia e con España.

Foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensal dirixida pol xornalista Ignacio Ramonet. Escribiu máis de vinte libros, entre novelas e biografías, e foi candidato neste 2018 ao Premio José Couso de LIberdade de Prensa. Este domingo 20 de maio falecía en Barcelona con 82 anos.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia , en nome do conxunto da profesión, quere expresar o seu fondo pesar pola morte deste profesional, figura clave na historia do xornalismo galego e internacional.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia