O Colexio de Xornalistas insta ao xuíz decano da Coruña a facilitar o traballo dos informadores

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) insta ao xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a facilitar o traballo dos informadores e o acceso ós edificios xudiciais da cidade, despois de que esta mañá policías nacionais impedisen a entrada de dous xornalistas aos xulgados coruñeses, segundo a información facilitada por un dos afectados.
Os redactores acudiron a primeira hora da mañá ao edificio xudicial da Coruña co obxectivo de recabar información sobre o seguimento da folga convocada pola Asociación Profesional de la Magistratura. Cando pretendían acceder ao seu interior, os axentes impedíronllelo co argumento de que o xuíz decano dera orde de non permitir a entrada de xornalistas ata que el non chegase ao seu despacho, segundo o testemuño do informador.

Transcorrida arredor dunha hora, e co xuíz decano xa no interior do edificio xudicial, os dous xornalistas afectados e outros compañeiros puideron acceder ás instalacións e desenvolver o seu traballo cun trato "correcto". Dáse a circunstancia de que durante todo ese tempo estivo entrando e saíndo xente con normalidade, agás os redactores.

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas chama a atención sobre o feito de que esta decisión se adoptase en coincidencia cunha xornada de folga convocada por unha asociación de xuíces, cando os informadores si entran con normalidade nos xulgados e na Audiencia Provincial, en cumprimento da publicidade coa que se deben desenvolver as actuacións xudiciais.

Esta Xunta de Goberno agarda que feitos como o de hoxe non se volvan producir e que os xornalistas poidan acceder sen atrancos aos edificios xudiciais, independentemente das medidas de protesta que se podan estar producindo neles.

A Coruña, 8 de outubro de 2009

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)