O Colexio de Xornalistas lamenta o cesamento de emisións de V Televisión

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta o cesamento das emisións de V Televisión, que deixa a nosa comunidade sen ningunha televisión autonómica de titularidade privada na TDT. Así mesmo, solidarízase co persoal da canle e agarda que sexa reubicado noutros medios do Grupo Voz.

O pasado día 1 de xaneiro de 2018, logo da emisión das campanadas de fin de ano, a imaxe da cadea da TDT V Televisión pasou a negro. O grupo Voz non emitiu ningún comunicado sobre o que parece o feche da canle mais, como dixéramos hai agora un ano, as últimas reformas non facían abrigar esperanzas sobre o modelo de futuro de V Televisión.

Este cesamento de emisións deixa a Galicia sen ningunha das dúas licenzas de televisión autonómica privadas da TDT operativas, dado que Popular TV xa pechara no 2013. A isto hai que sumar que boa parte das licenzas de emisións locais ou comarcais non están tampouco a emitir. Unha vez máis, cómpre destacar que a Administración autonómica ten que ser a garante de que se cumpran as condicións das concesións de frecuencias de radio e televisión, e que pode rescindir as licenzas no caso de incumprimento.

A perda dun medio de comunicación supón sempre un prexuízo para toda a sociedade, polo que significa de empobrecemento da diversidade informativa. A redución cada vez maior do panorama televisivo galego impón, agora máis que nunca, un novo reparto de licenzas, que garanta a pluralidade de voces necesaria e consolide o emprego das e dos xornalistas da nosa comunidade.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia