O Colexio de Xornalistas lembra que a galega é a única forma oficial dos topónimos de Galicia

Sinal indicador de Viana do Bolo (Foto: Mangel2050)

En relación á publicación, o luns 26 de setembro, dunha peza informativa sobre os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia en El Mundo, na que se recollían unha serie de topónimos deturpados, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar que a lei 3/1983 de Normalización Lingüística, no seu artigo 10, establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Tendo en conta que lle corresponde á Xunta de Galicia determinar os nomes oficiais dos concellos, núcleos de poboación e demais topónimos, as denominacións na lingua autóctona son as únicas legais a todos os efectos.

O Colexio de Xornalistas é consciente de que esta norma está destinada á administración pública, mais semella coherente que os topónimos oficiais sexan usados de forma xeralizada, cando menos por aqueles medios presentes na Comunidade Autónoma Galega. Asemade, mesmo tendo en conta que o Libro de estilo de El Mundo establece que "os nomes de poboacións de España [...] escribiranse en castelán, incluídas as poboacións daquelas comunidades autónomas con outras lenguas oficiais, sempre e cando esta denominación estea acreditada historicamente", e obviando a dificultade en moitos casos de tal acreditación, resulta imposíbel considerar "acreditadas historicamente" denominacións como "Guinzo de Limia", "Pollo" ou "Nieves".

Esta non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas tense que pronunciar diante da insistencia dalgúns medios que tenden a castelanizar os topónimos galegos. Por iso, o Colexio de Xornalistas chama a El Mundo e ao resto de medios de comunicación presentes en Galicia a usar en todo caso os topónimos galegos na súa forma oficial, en lingua galega, que é aquela fixada pola Xunta de Galicia.  

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia