O Colexio de Xornalistas publica recomendacións para o tratamento da violencia machista con motivo do 25-N

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio de Xornalistas publica en Twitter as recomendacións da Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller incluída no documento Informa_Dor.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza unha nova campaña en Twitter con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora este sábado 25 de novembro. Nesta ocasión, estanse a chiar as recomendacións da Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller incluída no documento Informa_Dor, realizando en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

A nova campaña pretende complementar e dar continuidade a outras, como a que se realizou o 25 de novembro do ano pasado baixo o hashtag #NonDifundasMachismo, ou a que reivindicou o papel das mulleres na historia do xornalismo este 8 de marzo co cancelo #IgualdadeDePrensa.

Ademais diso, o Colexio publicou este xoves o seu comunicado Contra a violencia machista ten que loitarse tamén desde o interior dos medios, no que se reivindican medidas que combatan o sexismo nas redaccións e nas direccións dos medios. 

CPXG