O Colexio de Xornalistas reclama a retirada das medidas de control das comunicacións nos medios públicos

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas rexeita a monitorización do correo electrónico e do acceso á Internet dos e das profesionais da Radiotelevisión Española e a Radiotelevisión de Galicia, e reclama a súa retirada por atentaren contra a privacidade, a pluralidade informativa, a protección das fontes e o segredo profesional.

Con data 31 de xaneiro o Consello de Administración da Radiotelevisión Española aprobou unha "Norma sobre uso seguro dos sistemas de información", que consiste nun regulamento de nove puntos sobre o uso dos dispositivos electrónicos na corporación, presuntamente xustificada na necesidade de "protexer ao máximo os arquivos e servizos informáticos da RTVE". O oitavo destes puntos provocou as queixas de numerosos profesionais e colectivos, ao establecer que "A dirección [...] poderá controlar se se fai un uso correcto e responsable dos devanditos medios e recursos incluíndo a supervisión do uso do correo electrónico e o acceso á internet durante a xornada de traballo".

Independentemente de que a propia dirección decidira adiar a entrada en vigor do regulamento – a causa das protestas dos traballadores – e maila que este tipo de controis estean cada vez  máis cuestionados a raíz do coñecido como "caso Barbulescu", a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas quere expresar o seu rexeitamento rotundo a este tipo de medidas que vulneran a privacidade dos profesionais e a pluralidade dos medios públicos, e que poderían provocar novas pulsións de control sobre as redaccións. Pero ademais, o monitorizado do correo e do acceso á internet son contrarios á propia esencia do xornalismo e cercenan piares básicos da profesión como a protección das fontes ou o segredo profesional.

Neste sentido, cómpre lembrar tamén que a Compañía da Radiotelevisión de Galicia quixo impulsar en 2014 unha normativa semellante, á que por suposto tamén se opón o Colexio de Xornalistas, mais que pode servir na práctica para exemplificar o escaso percorrido destas medidas.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas reclama a retirada da proposta de monitorización dos dispositivos e os correos, tanto na Radiotelevisión Española como na Radiotelevisión de Galicia, por consideralas contrarias a dereito. A privacidade dos xornalistas, a protección das fontes ou o segredo profesional son alicerces dunha información libre que deben estar por riba dos intereses de control das direccións, con maior razón aínda nos medios públicos. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia