O Colexio de Xornalistas rexeita a desconsideración do Presidente da Xunta co redactor de TVE-G, Agustín Díaz Blanco

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), á vista da petición de amparo recibida e tendo en conta os feitos, considera o seu deber facer público o seguinte comunicado, logo da actitude desconsiderada que o Presidente da Xunta de Galicia, D. Manuel Fraga Iribarne, tivo no curso dunha rolda de prensa co xornalista e redactor de TVE en Galicia, D. Agustín Díaz Blanco:
1.- O xornalista limitouse, durante a rolda de prensa posterior ó Consello da Xunta do pasado día 13 de febreiro, a pedir clarificacións sobre unhas cifras facilitadas polo Conselleiro de Política Territorial. Non só non lle resolveron as dúbidas, senón que o Presidente da Xunta recomendou ó Conselleiro que nomeara ó xornalista "enxeñeiro de pegas".

2.- Á vista desa reacción presidencial, o CPXG recibiu, por escrito, peticións de amparo, en defensa do xornalista aludido, por parte do Comité de Empresa de TVE en Galicia e de 18 redactores dese Centro Territorial. Estes aluden a un "trato vexatorio por parte do Presidente da Xunta" e afirman que tal actitude "non é propia de quen debe representar a tódolos galegos, sendo exemplo no respecto dos dereitos dos cidadáns e, neste caso, dun xornalista que se limitou a cumprir con corrección o seu traballo".

3.- A Xunta de Goberno do CPXG comparte as preocupacións expresadas polos redactores de TVE-G , afirma a súa solidariedade co colega e colexiado D. Agustín Díaz Blanco, xornalista de ampla e recoñecida traxectoria profesional e rechaza a desconsideración de que foi obxecto por parte do Presidente da Xunta.

4.- Sería moi desexable que o Presidente da Xunta deixase de lado actitudes deste tipo nas súas relacións públicas e oficiais cos xornalistas. Non é a primeira vez que temos o deber de sair ó paso de actitudes e palabras súas despectivas para a nosa profesión e gustaríanos que ésta fose a derradeira.

5.- Lembramos que o Presidente da Xunta, que ten asumidas as funcións de Voceiro do seu Goberno, ten a obriga de respostar as preguntas e clarificar as dúbidas plantexadas polos xornalistas, facilitando deste xeito unha mellor e máis completa información á cidadanía, obxectivo pretendido coa súa actitude por D. Agustín Díaz Blanco e non compartido, neste caso, lamentablemente, polo Presidente da Xunta.