O Colexio de Xornalistas rexeita as presións que sufriu un informador da TVG na manifestación de Queremos Galego

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere rexeitar publicamente a actitude dalgunhas das persoas que acudiron á manifestación convocada por 'Queremos Galego' en Santiago e que increparon ao compañeiro da TVG mentres informaba en directo da mobilización.
A Xunta de Goberno do CPXG entende que estas accións son presións contra os xornalistas, inadmisibles para o normal desenvolvemento do seu traballo, e lembra aos participantes que o informador traslada á opinión pública feitos, datos e declaracións a través dun medio, independentemente de que comparta ou non a súa liña editorial.

O Colexio de Xornalistas agarda que os responsables de Queremos Galego trasladen estas ideas entre os seus convocados en vindeiras mobilizacións, se as houbese, e valora positivamente a actitude daqueles representantes da organización que pediron calma e saíron en defensa dos traballadores dos medios públicos.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2009

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)