O Colexio de Xornalistas salienta no Día Mundial da Radio a pluralidade e influencia deste medio de comunicación

Con motivo da celebración do Día Mundial da Radio, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar a importancia do medio radiofónico no mantemento dun ecosistema informativo amplo, plural e democrático. O Día Mundial da Radio celébrase este ano baixo o lema "Diálogo, tolerancia e paz", que reivindica o labor da radio para difundir perspectivas positivas e reunir persoas en torno a obxectivos e causas comúns.

Como destaca na mensaxe deste ano o secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, "mesmo no noso mundo actual de comunicacións dixitais, a radio chega a máis persoas que calquera outra plataforma de medios de comunicación". Na nosa contorna, esa presenza da radio faise palpábel especialmente no rural, onde continúa a ser un dos medios con maior penetración e credibilidade entre a poboación, ademais de ter unha especial importancia para a información de proximidade. Neste sentido, cómpre saudar a volta ás ondas de emisoras como Radio Xallas que recuperan a información local, pero tamén lembrar que hai frecuencias concedidas en moitos concellos que non están a emitir e por tanto faltan á súa obriga de servizo público. 

Alén diso, cómpre destacar que a variedade de emisoras de radio é un elemento clave para a pluralidade informativa, ese requisito indispensábel nun espazo mediático democrático. O espectro da radio permite dispór dun amplo número de frecuencias de todo o abano temático ou ideolóxico, e entre os modelos presentes encontramos non só o público e o privado, senón tamén o comunitario. A ese respecto, aínda que este ano vivimos a anulación da resolución que prohibía a Cuac FM emitir nas ondas, as emisoras comunitarias aínda precisan dun desenvolvemento xurídico adecuado. O espazo radiofónico é un dos máis plurais e influentes de todo o ecosistema mediático galego e a supervivencia de toda a súa variedade resulta esencial para a nosa sociedade. 

O Día Mundial da Radio foi establecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia