O Colexio de Xornalistas ve con preocupación o protocolo de comunicación dos parques de bombeiros de Verín, Valdeorras e A Limia e pide eliminar as trabas ao exercicio do xornalismo
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia contempla con preocupación o protocolo de actuación para a comunicación cos medios que a empresa Veicar remitiu ao persoal dos parques de bombeiros que xestiona en Verín, Valdeorras e A Limia.
O protocolo, con data do 10 de marzo deste ano, prohíbe aos membros operativos do persoal dos parques e ao persoal de limpeza realizar ningún tipo de declaración aos medios e limita a comunicación cos xornalistas a comunicados de prensa, redactados polos xefes de servizo ou de quenda, só naquelas intervencións que sexan consideradas graves. Calquera outra comunicación ten que ser autorizada de forma expresa por parte da empresa e prohíbense explicitamente as manifestaciones "alleas á intervención, de corte laboral o que poidan supór unha crítica" ao parque, á empresa ou ao consorcio.
Con todo, o que probabelmente sexa o aspecto máis alarmante deste protocolo é que establece unha listaxe dos medios aos que se poden enviar comunicados, estabelecendo mesmo os enderezos electrónicos a usar e indicando que se incluirá sempre copia aos directivos da empresa. A lista inclúe apenas tres diarios, unha radio e tres medios de información comarcal. Mesmo tendo en conta que o propio documento indica que os enderezos poderán ser "ampliados ou substituidos por uns novos, informando ás partes", o seu acoutamento a priori implica unha limitación da comunicación que pon trabas ao traballo dos e das xornalistas e prexudica a liberdade de información, un dereito fundamental.
Aínda que Veicar sexa unha empresa privada, o feito de que estea a realizar un servizo público e a traballar para a administración, así como o evidente interese social da loita contra os incendios, fai inadmisíbel que a información sobre este tema non sexa pública e xeral, posto que debera estar a disposición de todos os medios de comunicación e da sociedade no seu conxunto. Así mesmo, o Colexio de Xornalistas considera que o feito de estabelecer unha canle oficial de comunicación non pode entorpecer o labor das e dos comunicadores á hora de recoller declaracións de claro interese informativo.
En declaracións a algúns medios, fontes da empresa aseguran que este protocolo "é un documento vivo" e que xa se está a negociar unha nova versión. Aproveitando esta ocasión, o Colexio de Xornalistas quere solicitar que se eliminen todas as limitacións ao exercicio do xornalismo e que se establezan vías de comunicación claras, abertas e plurais, tanto nos parques de bombeiros de Ourense como, de existiren protocolos semellantes, no resto de parques xestionados por Veicar.
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia