O Colexio de Xornalistas volve lembrar que a non admisión de preguntas é un ataque contra o dereito á información
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita as comparecencias de prensa sen pregunta e outras faltas de respecto dos políticos cara aos profesionais dos medios, e insta aos xornalistas a reflectir nas súas informacións este tipo de prácticas.
O pasado venres 29 de marzo, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comparecía na Coruña ante os medios para informar da orde de construción de cinco fragatas en Ferrol. A preguntas dos xornalistas, que pretendían interpelar ao delegado do Goberno por outros temas de interese informativo, Losada negouse a responder a ningunha pregunta que non fose referida ao tema central da convocatoria, convertendo na práctica a comparecencia nunha rolda de prensa sen preguntas.
Como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa ten manifestado noutras ocasións, a non admisión de preguntas constitúe un ataque contra o exercicio profesional dos xornalistas, que teñen entre as súas obrigas básicas a de preguntar sobre as cuestións que consideren que teñen relevancia para a cidadanía. A obriga dun político nun acto público ou nunha convocatoria de prensa é a de contestar ás preguntas dos profesionais da información, especialmente se, como é o caso, comparece como responsable da administración pública.
Desgraciadamente, a non admisión de preguntas é unha falta de respecto ao traballo dos representantes dos medios de comunicación (e, por tanto, ao conxunto da cidadanía) que cada vez é máis común entre os políticos da nosa comunidade. E lamentabelmente, non se trata da única. Outro exemplo podemos encontralo nos excesivos retrasos que son habituais nas comparecencias de prensa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha desconsideración total contra o traballo das persoas que teñen, entre outros cometidos, o de informar das súas palabras á sociedade galega.
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas insta a todos os políticos galegos a prescindir de actuacións como as citadas e a facilitar, en todo momento, o traballo dos xornalistas. Así mesmo, aconsella a xornalistas e medios que reflictan nas súas informacións as condicións que impoñen as institucións públicas e os partidos políticos nas súas convocatorias, con especial énfase nos casos nos que se impida formular preguntas.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia