O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación pola non emisión de ‘A Caixa Negra’

O CPXG, ante a cancelación da emisión do episodio do programa de TVG A caixa negra sobre a crise das ‘vacas tolas’, previsto para o pasado martes, quere manifestar a súa preocupación polo que considera un episodio de censura e/ou de intromisión de criterios non profesionais nun medio público.
A Xunta de Goberno CPXG entende que o sucedido non entra no lóxico dereito de calquera responsable dun medio de elixir a programación que estime pertinente, senón que a medida se adoptou tendo en conta consideracións non informativas, como o demostra o feito de que se tomou sen sequera visionar o programa.

O argumento de que se cancelou a emisión atendendo á delicada situación dun sector económico en crise non é de recibo, por canto esa crise non é puntual, e na actualidade non ten nada que ver coa circunstancia obxecto da reportaxe (e por riba a supresión do programa o que fai é establecer unha relación inexistente). Se ese argumento se aplica sobre un feito histórico, aínda que sexa da historia recente, cal será o tratamento cando se trate dunha reportaxe sobre asuntos de actualidade? Se a cancelación se debeu á petición dun sindicato, é aínda máis grave, porque supón unha inxerencia nos criterios informativos. Pola mesma razón, os sindicatos ou as forzas de seguridade poderían solicitar a non emisión das imaxes das confrontacións que se producen na folga do metal de Vigo, por considerar que atentan contra os seus intereses.

O CPXG recorda finalmente que o dereito a determinar as liñas de programación non inclúe prácticas como a censura, previa ou posterior, dos contidos.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia