O Comité Intercentros da CRTVG condena a cobertura dos lumes e esixe dimisións
O Comité Intercentros da CRTVG emitiu onte un comunicado condenando a cobertura informativa que os medios públicos de Galicia realizaron o domingo 15 da vaga de lumes e esixindo "a dimisión do director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, como máximo responsable da nefasta xestión da cobertura informativa, así como o cese inmediato da responsable dos Informativos, Concepción Pombo Romero, que non se presentou na redacción ata preto das once da noite".
O órgano de representación do persoal critica o que considera "unha reacción tardía e motivada polas críticas contra a TVG e a RG que comezaron a medrar a primeiras horas da tarde nas redes sociais, cando agromou na sociedade galega a indignación sobre a falta de información desde os medios públicos", asegurando que "é a tradicional política de ocultamento dos lumes por parte da dirección de informativos a que impediu tamén nesta ocasión relatar a realidade conforme a criterios profesionais, e non, coma en anteriores ocasións, estritamente partidistas".
Ademais, o comunicado asegura que "mentres o persoal que non estaba en quenda chamaba á cadea para ofrecerse para traballar voluntariamente, as mochilas que permiten gravar e emitir en tempo real estaban ocupadas" con retransmisións deportivas e denuncia "o desmantelamento das delegacións territoriais da CRTVG" que "non deron abasto, non activándose en ningún momento unha convocatoria especial de máis traballadores e traballadoras, cousa que si se fixo, en cambio, o pasado 1 de outubro, coa cobertura do referendum catalán".
O Comité Intercentros realizou onte ás doce da mañá unha concentración de protesta diante do despacho de Alfonso Sánchez Izquierdo. .