O CPXG condena o secuestro xudicial de "El Jueves" por constituír un ataque inadmisible contra a liberdade de expresión, de creación e de ideoloxía

A orde do xuíz Juan del Olmo de retirar dos quioscos a revista satírica "El Jueves" e de prohibir a súa difusión supón un ataque frontal contra a liberdade de expresión, de creación e de ideoloxía dese medio de comunicación.
"El Jueves" non é un medio de información que teña que aterse á realidade duns feitos; como toda publicación satírica o que fai é unha interpretació n propia, racional ou irracional, desa realidade. Os que traballan nela son humoristas, creadores ou artistas.

O dereito á liberdade de expresión garantido pola Constitución Española concretase no caso dunha publicación humorística na liberdade de creación e de interpretación, e a interpretación que fai "El Jueves" da decisión do Goberno de dar unha paga de 2.500 euros por cada fillo nado a partir dunha data determinada forma parte da idiosincrasia tradicional dese medio que utilizou noutras ocasións a membros da Casa Real para expresa-la súa visión do transcurrir da vida social e política española. En España, a Monarquía, ademais dunha forma de Estado, foi e é unha opción ideolóxica, e a liberdade de ideoloxía está amparada tamén pola Constitución.

O CPXG lamenta este tipo de resolucións xudiciais que nos retrotaen a tempos predemocráticos. A liberdade de expresión ten a misión histórica, como dicía Thomas Jefferson, de ser molesta para os gobernantes; pero, se non hai liberdade de expresión, por molesta que sexa, non hai democracia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2007.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia